· Desde o 1 de abril desaparece a lista de espera tras aumentar o servizo de 90 a 103 usuarios.
O Concello de Camariñas continúa coa súa firme aposta por reforzar os Servizos Sociais municipais. Así, desde o 1 de abril, estendeu a cobertura do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos usuarios de grado un para cubrir a totalidade dos demandantes por primeira vez.
Antes do mes de abril o SAF contaba con 90 usuarios que se atendían de luns a venres a través de 14 horarios de mañá e dous de tarde e a fin de semana con cinco de mañá e dous de tarde. Agora, con este aumento, pásase a atender a 103 usuarios cun horario máis de luns a venres, 15 en total.
Para a alcaldesa, Sandra Insua, o SAF “é un dos programas máis importantes dos Servizos Sociais”. A través del, persoal cualificado acode ó domicilio dos usuarios a asistilos nas tarefas que estean indicadas e durante as horas semanais tamén asignadas en función das necesidades en cada caso (asistencia para levantarse e deitarse, apoio a hixiene persoal, control do réxime alimentario, supervisión de rutinas, etc.)