· A deseñadora traerá unha colección cunha liña “moi urbana” e agarda “sorprender”.
A deseñadora compostela Edith del Valle participará na XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas, que este ano alcanza a XXIX edición. Esta será a súa segunda participación na Mostra, despois do debut do ano pasado que para ela foi “unha das mellores experiencias que tiven no mundo da moda”.
Edith considera a Mostra como “un evento importante de exaltación da artesanía galega e dos artesáns xa que mestura moda e tradición, a través do encaixe, nunha pasarela, o que a fai única”. Ademais, despois da súa primeira participación, destaca a súa parte humana xa que “atopei xente moi profesional e o cariño que se transmite no backstage e fóra de pasarela é de admirar”.
Do encaixe como complemento opina que “é un punto diferenciador, non só polo produto en si mesmo senón tamén polo valor artesán que lle aporta a labor das palilleiras”. Para esta edición da Mostra Edith del Valle levará unha colección cunha liña moi urbana da que explica que “non ten nada que ver coa do ano pasado e espero sorprender. Para ben, claro”.